Friday 19 de April de 2024

Inauguradas as pistas de atletismo da USC que contan coa homologación para albergar campionatos de España e determinadas probas internacionais


Lete Lasa destaca a importancia dunha obra na que traballaron catro administracións e que se suma a aposta polo atletismo que vén realizando o Goberno galego nos últimos anos

 

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou no serán de hoxe na presentación da renovación das pistas de atletismo tras a obras levadas a cabo grazas ao convenio de colaboración asinado en 2021 a catro bandas -a Xunta, a Deputación da Coruña, o Concello de Santiago e a USC- para a renovación e o acondicionamento da pista. O investimento total nas actuacións ascenden a máis de 406.500 euros, dos que o Goberno galego achegou 142.296 euros. A pista é titularidade da USC polo que, unha vez executadas as obras, corresponde á institución académica asumir os custos derivados da súa xestión, mantemento e conservación.

 

Os traballos levados a cabo incluíron a substitución do pavimento que sufría un considerable deterioro polo uso desde a súa colocación en 1998. Tamén se renovaron os elementos que compoñen as 8 rúas da pista, así como o marcado e a sinalización para a correspondente homologación federativa tal e como establece a Federación Española de Atletismo. Grazas a estas obras a pista de atletismo da USC chegará -como sinalou o secretario xeral- a todas as comunidades e mesmo a outros países. Coas melloras realizada acada o certificado de instalacións atléticas da Federación Española de Atletismo, que habilita ata 2033 a práctica do atletismo e a homologación das marcas que se obteñan. A certificación permite, por tanto, á pista do Campus Vida da USC, acoller campionatos galegos, nacionais, así como probas internacionais de carácter básico sempre que se cumpran outros requisitos esixidos.

 

Lete Lasa incidiu na aposta da Xunta por dotar ao deporte galego de novas e renovadas instalacións. Por iso, dos 44 millóns de euros reservados neste ano ao ámbito deportivo, máis de 18 millóns de euros van destinados á posta en marcha e á mellora de infraestruturas deportivas. No que se refire á aposta da Xunta polo atletismo galego, esta queda demostrada co investimento na pista da USC e con outras importantes obras na comunidade como a pista cuberta de Expourense, na que se investiron 4,3 millóns de euros ou a do Ifevi de Vigo, que vén de ser inaugurada o mes pasado e contou cunha achega de 350.000 euros. En ambas obras tamén quedou patente que a actividade feiral -a principal destes dous recintos- pode ser compatible con outros usos, como o deporte.

Canto aos proxectos en marcha para seguir dotando os atletas da comunidade de espazos nas mellores condicións á súa disposición destaca a pista no concello de Cervo (Lugo), xa en execución; o módulo cuberto de atletismo de Ribeira (A Coruña), licitada esta mesma semana; ou o módulo cuberto da Estrada (Pontevedra), que se levará a cabo no marco dun convenio co concello.

 

O apoio da Xunta ao atletismo galego, ademais das obras en instalacións, suma ata 700.000 euros en 2022 sumando as diferentes liñas de axuda da Secretaría Xeral para o Deporte, que neste 2023 seguirán incrementándose como xa reflicte o convenio de colaboración coa federación que medra un 8% ata os 268.000 euros. Deste xeito, a Administración autonómica pretende continuar a tendencia ascendente de licenzas federativas nesta modalidade ata superar as 10.500 actuais que ademais se atopan repartidas de xeito case ecuánime  (54% homes e 46% mulleres).